Influencia do apoio social na mortalidade e presencia de eventos cardiovasculares nunha cohorte de pacientes hipertensos
- Agustín Montes Martínez Director
- Carlos Menéndez Villalva Director
Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela
Fecha de defensa: 03 de decembro de 2010
- Juan Jesús Gestal Otero Presidente
- Gabriel J. Díaz Grávalos Secretario
- Xosé Luis López-Álvarez Muiño Vogal
- María Lameiras Fernández Vogal
- Alfonso Otero González Vogal
Tipo: Tese
Resumo
Introducción: As enfermidades cardiovasculares son causa de morte e hospitalización frecuente no noso medio. Hoxe en día hai numerosos estudos que poñen de manifesto a influencia do apoio social sobre a patoloxía cardiovascular, e outros que relacionan o apoio social funcional e as redes sociais coa mortalidade. Obxectivo principal: Determinar se existe unha relación entre o apoio social e a mortalidade global, e a aparición de eventos cardiovasculares nunha cohorte de pacientes hipertensos dun centro de saúde seguidos durante nove anos. Obxectivos secundarios: Valorar a estabilidade da variable apoio social e a variación das variables clínicas e familiares nos nove anos de seguimento e a posible relación ca morbimortalidade. Cuantificar os acontecementos vitais estresantes (AVE) acontecidos e a súa relación coa morbilidade. Material e métodos: Estudo observacional, prospectivo, de seguimento a nove anos dunha cohorte de 236 pacientes diagnosticados de hipertensión arterial esencial do centro de saúde de Mariñamansa- A Cuña de Ourense. Principais variables medidas: idade, sexo, tensión arterial, frecuencia cardíaca, severidade e grao de HTA, diabete, dislipemia, consumo de alcohol e tabaco, risco cardiovascular, presenza de mortalidade e de eventos cardiovasculares (ECV), nivel socioeconómico e cultural, actividade e situación laboral, estado civil, tipoloxía familiar, etapa do ciclo vital familiar (CVF), función familiar, rede social, apoio social funcional, acontecementos vitais estresantes (AVE). Análise estatística: Análise de supervivencia cas curvas de Kaplan-Meier e o test de long-rank.Para a análise multivariante empregouse o Modelo de Regresión de Cox. Resultados: Durante os 9 anos houberon 9 pérdidas, 49 exitus e 50 pacientes presentaron algún evento cardiovascular. Cracterísticas demográficas: A idade media inicial foi de 63,5 IC 95% (62,0;64,9), cunnha maior porcentaxe de mulleres: 67,4% (IC95% 61,4;73,4). Características clínicas: destacan unha baixa porcentaxe de consumo de alcohol e tabaco, así como de diabéticos na mostra, cun predominio de sobrepeso inicial con melloría clara ó final do estudo. Predomina o grao de HTA II, con escasa severidade e existe un mellor control da tensión arterial diastólica. Características sociofamiliares: maior porcentaxe de casados, familias nucleares e extensas e de familias normofuncionantes, con un aumento dos AVE cós anos. Predomina un apoio social funcional suficiente que se mantén ao longo dos 9 anos de seguimento e unha rede social adecuada. Análise multivariante obsérvase que teñen máis risco de padecer ECV os pacientes con redes sociais baixas RR: 2,0 (IC 95%: 1,0 ;4,0), os maiores de 65 anos RR: 3,42 (IC 95% 1,42;6,90) e os que presentan severidade HTA de grao III RR: 2,7 ( IC 95%: 1,3;5,4). No referinte á mortalidade global obsérvase máis risco nos homes RR: 3,5 (IC 95%: 1,3; 9,2), nos maiores de 65 anos RR: 5,5 (IC 95%: 1,8; 16,7), as persoas con redes sociais baixas RR: 2,6 (IC 95%: 1,2; 5,4), e nas que están nas últimas etapas do CVF RR: 4,3 (IC 95%: 1,3; 14,1). Na mortalidade só de orixe cardiovascular a idade duplica o risco que se obtivo ao analizar a mortalidade global RR: 12,3 (IC 95%: 2,7; 55,1), observando tamén máis risco de mortalidade de orixe cardiovascular nos diabéticos RR: 2,9 (IC 95%: 1,18 -7,56) e nos pacientes con baixo apoio social funcional RR: 2,5 (IC 95%: 1,0; 6,1). Conclusións: Os pacientes hipertensos con redes sociais escasas presentan mási risco de padecer eventos cardiovasculares e de mortalidade global que os hipertensos con maior número de contactos sociais. Os individuos hipertensos con escaso apoio social funcional e os hipertensos diabéticos teñen máis risco de mortalidade de orixe cardiovascular que os hipertensos con maior apoio social e que os non diabéticos. Os pacientes hipertensos que se atopan nas últimas etapas do CVF presentan máis risco de mortalidade global e de padecer ECV que os hipertensos que están nas primeiras fases. Os individuos hipertensos con maior repercusión nos órganos diana teñen máis risco de padecer ECV que os que teñen menor severidade de HTA. A poboación hipertensa do Centro de Saúde de mariñamansa- A Cuña de Ourense presenta un adecuado apoio social similar ó referido noutras poboacións similares, manténdose estable ó longo dos anos.